Monday 29 de April de 2024

Á venda as entradas para o concerto de Maika Makovski no Teatro Colón, que abrirá a sétima edición do ciclo ‘Elas Son Artistas’ o 18 de abril


A artista mallorquina volve á Coruña tras o bo sabor de boca que deixou a súa actuación na 35ª edición do Festival Noroeste, cando congregou a un numeroso público no parque de Santa Margarida

A artista e compositora balear Maika Makovski volve á Coruña en concerto. Será o xoves 18 de abril no Teatro Colón, na que será a actuación inaugural da sétima edición do ciclo Elas Son Artistas, unha iniciativa que ten como principal obxectivo a posta en valor do papel das mulleres nas artes.

A programación completa de actividades do festival, que se presentará nos vindeiros días, implica a diversos municipios da área metropolitana e tamén ao Concello da Coruña, no que supón unha aposta do Goberno de Inés Rey para fomentar a igualdade no eido cultural. De cara a esta nova edición do ciclo, será Maika Makovski a que abrirá camiño, amosando o seu talento musical e personalidade multidisciplinar.

A traxectoria de Makovski, que comezou a súa carreira con vinte anos de idade, inclúe oito discos. O último, ‘MKMK’, lanzouse no 2021 e recibiu a aclamación de público e crítica. Neste sentido, no concerto previsto o 18 de abril (21.00 horas), as e os asistentes poderán gozar co seu novo tema ‘Bunch of little burdens’, publicado a finais de setembro.

As entradas para asistir á actuación xa están á venda, con prezos que van dos 14 aos 18 euros en función da localidade. Pódense adquirir a través da páxina web de Ataquilla e tamén no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense.

Haberá descontos especiais para as persoas posuidoras do Carné Xove, así como para as persoas maiores de 65 anos, familias numerosas e persoas en situación de desemprego.
Toda a información pode consultarse a través desta ligazón.

Makovski regresa á Coruña tras o éxito da súa actuación no Festival Noroeste 2022

O concerto de Maika Makovski na Coruña supón o seu regreso á cidade tras o bo sabor de boca que deixou a súa actuación no Festival Noroeste do ano 2022, sendo un dos pratos fortes da 35ª edición. Naquela ocasión, a artista mallorquina reuniu a un númeroso público no anfiteatro do parque de Santa Margarida.